POLA DEFENSA DOS MONTES
E DA SÚA FAUNA
ASOCIACIÓN LOBO
Quen somos?
Somos unha asociación ecoloxista recén nacida, co ánimo de conservar a poboación lobeira de Galicia e de reducir a conflitividade entre os propietarios de cabalos de monte e os lobos.
A nosa prioridade será a conservación do hábitat dos lobos, tendo en conta a súa dependencia, en Galicia occidental, dos cabalos salvaxes, que son os que realmente están dando de comer aos lobos (son un 90% das súas presas).
Estes cabalos bravos, cunha cabana de máis de 20.000 cabezas, teñen unha gran importancia ecolóxica, pois ademais de daren de comer a lobos e raposos, son unha peza clave nos montes (estercan, abren camiños e claros nas matogueiras, favorecendo tamén aos coellos, corzos, xabaríns, etc.; manteñen a gran número de insectos, paxaros, etc. contribuíndo ó mantemento da biodiversidade).
Por iso:
Para evitar a perda ou redución da cabana equina nos montes, decidimos tomar a iniciativa de indemnizar aos propietarios destes cabalos bravos (ponis tipo B e C) as baixas provocadas polos ataques dos lobos no monte. Baixas que nunca foron cubertas pola Xunta de Galicia, xa que poñen como condición que estean pechados en explotacións gandeiras. O sistema tradicional segue a ser o gran marxinado.
Onde?
Non podemos pretender actuar en toda Galicia, inda que defenderemos a nosa filosofía de protexer o hábitat en todo o país. Actuaremos directamente cas nosas indemnizacións nos Montes do Acibal (Moraña, Campolameiro, Xeve), na provincia de Pontevedra.
Pretendemos ter a maior autonomía posible e, por iso, trataremos de autofinanciarnos cas cuotas dos socios.. Estimamos que as cuotas de 170-200 socios serían suficientes para este obxectivo. Por todo isto pedímosche que informes aos amigos ou familiares que poidan interesarse no asunto, para que tamén se fagan socios.
Cando?
Dende o día 5 de Marzo do presente temos aprobados os estatutos en asemblea fundacional. Dende o 10 de Agosto de 2.010 xa temos NIF, e somos unha asociación legalmente inscrita no rexistro de asociacións.
* Divulga a ASOCIACIÓN LOBO e axúdanos a defender os montes e ós seus milenarios habitantes: os ponis galegos e os lobos
* Axúdanos a defender tradicións milenarias de manexo dos únicos cabalos realmente salvaxes no mundo: os curros e as rapas
* Faite socio. Fai socios ós teus amigos e familiares